Comunidade de Montes de Nebra

A Comunidade de Montes de Nebra confórmana os veciños da parroquia, os cales, sempre en Asemblea Xeral e só eles, decidirán como vai xestionarse o monte. Ao fronte deles, cada 4 anos, elixirase un grupo de comuneiros que serán os que xestionen a Comunidade. Ditas persoas representaran a todos os comuneiros nas súas decisións. Terán a tarefa de ofrecer e escoitar propostas, organizar actividades e poñerá as bases para un bo uso do monte.

A Asemblea Xeral é o órgano de goberno da Comunidade, o único medio coa competencia total nas decisións que repercuten no monte veciñal. Estará constituída por toda a veciñanza inscrita como comuneiros.

As asembleas serán de dous tipos: Ordinaria, que é obrigatoria unha vez ao ano, e Extraordinaria, que poden realizarse varias ao ano segundo as necesidades de organización. Cada convocatoria destas reunións deberá facerse con dez días de antelación, mediante notificación a todos os comuneiros e exposición nos lugares considerados de reunión. Esta convocatoria tamén estará no taboleiro de avisos do Concello, que será o que dea un número de entrada, e coa mesma, verifique a data da súa publicación.

A Asemblea necesita da asistencia de comuneiros para poder validar acordos. A isto chámase quórum, e para elo organízanse dúas chamadas: a 1ª convocatoria, na que deberá haber presentes máis do 50% do último censo aprobado pola Xunta, e a 2ª convocatoria onde se necesita máis do 30% de comuneiros. É moi importante estar presentes en todo o desenvolvemento da Asemblea, pois abandonar á metade da mesma, significa que se deixa de estar inscrito, baixando pois o quórum e, chegado o caso, invalidar calquera acordo dos presentes.

A Orde do día. Cada convocatoria terá unha serie de temas a tratar. Os básicos sempre serán a lectura da acta anterior, a cal deberá expoñerse aos veciños días despois de cada asemblea, e os rogos e preguntas, como último punto, e onde os veciños poden buscar resposta ás súas inquedanzas. Nos meses de peche do ano ou do exercicio económico, tamén se incluirá o estado de contas, onde se resumirán e se explicará cada gasto ou ingreso que realizase a Comunidade. O resto de puntos a incluír sempre irán nas necesidades da Comunidade e nas propostas ou peticións que se fagan aos vogais da Xunta Reitora.

O Censo de comuneiros. Todos os anos, no mes de xaneiro, deberá redactarse e actualizarse a lista de veciños que conforman a Comunidade. Estes comuneiros terán voz e voto nas asembleas e só eles, decidirán o que pode ou non se pode facer. A condición para ser comuneiro é residir e facer vida na parroquia durante o tempo que requiran os estatutos.